Benvida a COSITAL Pontevedra

Estimados compañeiros,

Cosital Pontevedra é unha corporación de dereito público que agrupa e representa aos funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional que exerzan ou tiveran exercido funcións reservadas a secretarios, interventores e tesoureiros no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Cosital Pontevedra ten como fin principal velar pola dignidade profesional e persoal do colectivo de habilitados para crear as condicións que permitan un correcto exercicio das funcións que lle están reservadas, e que son imprescindibles para, por un lado, garantir un correcto funcionamento das entidades locais e, por outro, que os cidadáns confíen na correcta administración dos recursos públicos como presuposto duns servizos públicos de calidade.

A forza e o impulso da nosa organización radica en todos e cada un dos colexiados e de aí que o noso compromiso sexa apostar por estes como elemento indispensable para conseguir unha profesión digna. Esta forza tradúcese nun colexio dinámico, activo, imparcial, transparente, eficaz, consciente e, sobre todo, nun colexio que cre, confía e aposta polas persoas que exercen funcións tan relevantes. A mellora do colexiado será o único patrón que guíe todas as nosas accións para acadar unha profesión digna e imparcial. Con tal motivo, este colexio sempre estará aberto a recibir novos membros, valorar e impulsar propostas de mellora e debater todos os temas que xurdan, baixo a única premisa de que redunden no beneficio do noso colectivo.

Dentro dunha liña de mellora da comunicación co noso colectivo créase esta páxina web, punto de encontro para todos os colexiados de Cosital Pontevedra e daqueles que queiran participar activamente no noso proxecto. E créase cunha dobre finalidade: por unha banda, facilitar información aos colexiados e por outra, definir un espazo onde estes poidan interactuar coa nosa organización, presentando propostas, participando en debates, etc.

Finalmente quero agradecer a todos os colexiados a súa confianza neste proxecto, e quero transmitir, sobre todo, que son consciente da responsabilidade que implica desempeñar un cargo neste colexio. Así mesmo, quero agradecer a todos os membros da Xunta de Goberno o seu apoio e traballo que fai que o colexio funcione realmente. Sen vos, colexiados, e sen os membros da Xunta de Goberno non existiría este proxecto.

En nome da Xunta de Goberno e no meu propio, benvidos a páxina web dos colexiados de Cosital Pontevedra.

O presidente de Cosital Pontevedra